Galería
Galería

16.2 Belesar

O río Miño é a división natural entre as terras de Lemos e as de Chantada, polo que era necesario cruzalo para comunicar ambas comarcas. Debido á dificultade orográfica, a ponte de Belesar, de orixe romana, era a única existente entre Portomarín e Ourense ata ben entrado o século XX, polo que Belesar sempre foi un importante lugar de paso, onde creceron dous barrios, un a cada beira do río e pertencentes a cadanseu concello.

Atopamos boas mostras de arquitectura tradicional, construídas con pedra e madeira e adaptadas ás dificultades do terreo. Nun paseo polo núcleo podemos ver interesantes exemplos de esgrafiado, unha técnica decorativa no exterior das vivendas, consistente en aplicar dúas capas de revogo e raspar a máis superficial, xeralmente de cal, para facer patróns, formas ou mesmo debuxos.


Mesturadas coas vivendas atopamos as leiras distribuídas en socalcos, as máis próximas dedicadas a hortas e o resto normalmente a viñedo, pero nesta zona tamén ás cerdeiras. A cereixa de Belesar é moi coñecida e ponse en valor na Feira do Viño e da Cereixa de Belesar, que se celebra a finais de maio ou comezos de xuño desde o 2006.


Como ben se explicaba, por aquí xa os romanos estableceron as vías de comunicación entre Monforte e Chantada, quedando un anaco de vía romana moi representativo coñecido como os Codos de Belesar. Estes codos, que manteñen o seu empedrado, reciben ese nome polas curvas que fan para salvar o pronunciado desnivel e atópanse no camiño que une a Igrexa de San Paio de Diomondi (s.XII) con Belesar, no percorrido do Camiño de Inverno.

 

CAMIÑO DE INVERNO


O Camiño de Inverno é unha das rutas de peregrinación a Santiago de Compostela, denominada así porque no inverno, cando a neve cubría os montes dos Ancares e o Cebreiro era complexo seguir o Camiño Francés, así que algúns peregrinos buscaron alternativas con mellores condicións máis ao sur, seguindo o percorrido do río Sil desde Ponferrada.


Este itinerario entra en Galicia por Valdeorras, e cruza Ribeira Sacra polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, A Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Pantón, O Saviñao e Chantada.


Neste punto, tras o descenso dos Codos de Belesar, comeza unha das partes máis duras do percorrido, subindo ata a vila de Chantada e continuando o ascenso ata o Monte Faro cos seus 1187 metros de altitude.

Belesar

Cómo chegar Cómo chegar