Bidueiral de Montederramo
Trátase dun conxunto boscoso dunha gran importancia ecolóxica, integrado na Rede Natura 2000. É un dos bosques de bidueiros con vexetación eurosiberiana máis ao sur de Europa.
O concello de Montederramo está situado na transición entre a Ribeira Sacra e o Macizo de Queixa-Manzaneda. Ao norte do concello sitúase a Serra de San Mamede, avance dun amplo conxunto de montañas que constitúen o Macizo Central Ourensán (Lugar de Interese Comunitario).Moi preto atopamos Serra de Queixa e os Montes do Invernadoiro (Parque Natural), así como a única estación de esquí que existe en Galicia, Cabeza de Manzaneda.
Na Serra de San Mamede sitúase o denominado “ Bidueiral de Montederramo” formado por especies de bidueiros, mesturados con acivros, capudres , arandos e por suposto, xestas, carballos e fentos; todo isto acompañado con xabarís, corzos ou cervos, lagartos ou morcegos, aguias, bufos e azores.
Os bidueiros eran numerosos debido á utilidade da súa madeira. Esta veuse utilizando tradicionalmente en toda a comarca en carpintería e ebanistería, como a fabricación de zocos (os máis famosos os de Vilariño Frío) ou instrumentos de labranza.
Neste bosque tamén existe unha lenda negra porque foi o escenario preferido polo home lobo, Romasanta, para acometer varios dos seus asasinatos.
Manuel Branco Romasanta, coñecido popularmente co apelativo “O do Unto”, chegou a confesar a finais do século XIX que por unha maldición convertíase en home lobo nas noites de lúa chea. Isto deu orixe a lendas como a do “Home do Saco” ou o “ Sacamantecas” e aínda queda o recordo do home lobo percorrendo este bidueiral nas noites de lúa chea. Trátase do único caso de Licantropía documentado en España.
Non o perdas!
Existe unha ruta de sendeirismo homologada, o PR- G 182 Ruta do Bidueiral de Gabin. É especialmente recomendable realizala no outono, cando as cores ocres e avermellados tinguen as follas destas árbores.