Esgrafiados e murais
Entre 2015 e 2017, o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra levou a cabo 2 proxectos na liña do embelecemento e a posta en valor dun recurso practicamente descoñecido para a poboación e en perigo de desaparecer.
En primeiro lugar, naceu o proxecto Un toque de Cor en Ribeira Sacra, o cal a través da muralización, e mediante intervencións de arte urbana, rehabilitou e recuperou espazos decadentes próximos a recursos turísticos.
Por outra banda, e continuando na liña do proxecto anterior, púxose en marcha un completo traballo de sensibilización e posta en valor dos esgrafiados, o cal se dividiu en tres eixos fundamentais: a investigación deste singular recurso e conseguinte publicación dun libro, a sensibilización entre a poboación mediante talleres e xornadas formativas e a recuperación e creación de esgrafiados.
Hoxe, tanto murais como esgrafiados convertéronse en recurso turístico e a través da súa visita poderemos facer unha viaxe ao longo da historia do patrimonio material e inmaterial de Ribeira Sacra.