

Ferrería de Penacova

Seguro que é máis antiga, máis o primeiro documento no que se fai referencia a esta ferrería data de 1780. Daquela, era propiedade do Señor de Maside, da familia Arias e seguiu fundindo material ata o ano 1875.
En 1880 foi adquirida por unha sociedade de ferreiros que xa traballaban nela. O último traballador da ferrería foi precisamente Benito Valcárcel, tataravó da actual xeración. Trala adquisición das ruínas da ferrería, e aproveitando a solidez da súa estrutura, acometeuse de cheo a construción dunha nova empresa: a fragua. A Penacova viñan os ferreiros da zona para machucar o ferro e facer os aparellos que naquela época se utilizaban: apeiros de labranza, cravos e outros útiles domésticos.
A fragua funcionou ata mediados do século XX, época na que un novo avance tecnolóxico chegou á zona: a electricidade. Con isto, os ferreiros montaron na súa propia casa os seus martelos e foles eléctricos, deixando desfasado, unha vez máis, o mazo de auga. Santiago Valcárcel construíu entón un muíño maquieiro, que se diferenza do resto polo cobro dunha "maquía", imposto en especies que se pagaba por cada ferrado de gran que se moía. Para poñelo en funcionamento, utilizou a pedra que nun tempo formara os muros da ferrería, e con ela construíu a presa do muíño. Coa auga encorada e desviada pola canle ata o depósito, conseguiu a forza que movería a maquinaria dunha das empresas máis rendibles da época.
Río arriba, a 500 metros, atravesando propiedade particular, e polo tanto tras pedir permiso, pódese chegar á presa artificial que desvía o regato. O muro de pedras colocadas verticalmente, dirixe as augas deste regato cara o banzado por unha canle escavada na rocha.
Hoxe os Valcárcel seguen sendo os propietarios. A eles debémoslle o seu bo estado de conservación. A casa da ferrería funciona como Casa de Labranza.
Ferrería de Penacova
Información e contacto

Penacova
Bóveda
27340 Lugo
Equipamento e servizos


Accesibilidade

