Audioguía
Audioguía
Galería
Galería

Igrexa de Santa María de Proendos

Igrexas/Capelas

Para algúns historiadores, neste lugar atópase a mítica Proentia dos romanos, xa que se atoparon numerosos restos romanos procedentes do asentamento e reutilizados en distintos lugares.

A igrexa constitúese como parroquia no século XII. Da fábrica románica, só se conserva o presbiterio rectangular. O resto da igrexa está moi modificada.

No interior, podemos ver que o arco triunfal de acceso ao presbiterio presenta un moldura de axadrezado. Ten bóveda de canón, con arcos de medio punto que repousan sobre grosas columnas. Dos catro capiteis, dous deles aparecen esbozados. Nos outros dous, o capitel da esquerda presenta decoración vexetal con bólas. Para algúns autores trátase dun gran de cereal, símbolo eucarístico. O capitel da dereita apóiase sobre unha columna monolítica de mármore que seguramente procede dese asentamento romano. No capitel podemos ver unha decoración de tipo vexetal para algúns autores. Outros, en cambio, interpretan que se representan as mitras e báculos dos bispos, a xerarquía máis alta dentro da igrexa despois do Papa.

Na bóveda do presbiterio consérvanse as pinturas murais do século XVI. Foron descubertas polo párroco nos anos 70 e restauradas no ano 2002 (só se limparon e se encheron con acuarela os ocos deteriorados). A técnica utilizada é o mezzo fresco, que se diferencia da pintura ao fresco no grosor do morteiro. Presentan características da pintura renacentista, como o intento de lograr a perspectiva, o tratamento dos panos ou a introdución de elementos arquitectónicos nas escenas. Se miramos á fronte e empezando pola esquerda atopamos as seguintes escenas: Adoración dos Reis Meigos (posiblemente, o rei que aparece en primeiro lugar axeonllado sexa unha representación de Filipe II); Fuxida a Exipto, escena tomada dos evanxeos apócrifos que relata que a Virxe ten fame e o Neno pídelles ás palmeiras que baixen para achegarlles os froitos (destacamos o froito que leva o Neno na súa man que máis que un dátil parece unha castaña); A Anunciación, na cabeceira, lugar máis destacado do presbiterio; A Visitación; San Blas; A Adoración dos Pastores, onde destacamos a representación dos pastores, neste caso músicos e louros, e un deles birollo. Seguramente o artista se inspirou en personaxes reais.

Igrexa de Santa María de Proendos

Información e contacto

Enderezo

Proendos

Sober

27460 Lugo

Horario
O interior da igrexa está pechado, só se pode acceder contratando visita con guías oficiais.

Equipamento e servizos

Aparcamento
De balde

Accesibilidade

En bicicleta
En coche
Cómo chegar Cómo chegar