Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (C.I.M.A.R.)
Inaugurado en 2022, o CIMAR é o primeiro museo de Galicia adicado á minería romana.
O museo ubícase á beira do río Sil na localidade de San Clodio, dentro do recinto do xeocamping, e forma parte da rede de museos Xeoparque mundial da UNESCO Montañas do Courel, xunto cos museos Xeolóxico e Etnográfico de Quiroga e o das Covas de Meiraos no veciño concello de Folgoso do Courel.
O CIMAR conta con tres salas expositivas conectadas entre si. Na súa visita, poderemos descubrir as diferentes explotacións de ouro na contorna, así como as distintas técnicas utilizadas para a explotación mineira polos romanos.
A primeira está adicada ao Xeoparque “para darlle unha coherencia a todos os centros de interpretación, xa que o nexo de unión é que todos están nun territorio chamado Xeoparque, o único mundial da Unesco que existe en Galicia (só hai 15 en España e 171 en todo o mundo)”, puntualiza Roberto. Nesa sala atopamos un panel co mapa xeolóxico e outro xenérico con todos os lugares de interese, ao tempo que se vai introducindo o tema do ouro no xeoparque con algúns paneis indicando as principais minas tanto primarias como secundarias que hai en todo o territorio. “As secundarias son as que proceden de depósitos aluviais polo que están todas en torno ás marxes dos ríos Sil e Lor primcipalmente, mentres que as primarias están xa na montaña”, explica o concelleiro, puntualizando que a diferenza entre unhas e outras é que “nas primarias o que se facía era machacar as cuarcitas e de aí íase sacando por filtracións o ouro; mentres que as explotacións secundarias son aquelas nas que as forzas da natureza fixeron a erosión quitando a pedra e deixando só o barro que por filtración levaba o ouro”.
A primeira sala adícase a información xeral do Xeoparque. A segunda alberga os contidos relativos aos comezos do ouro. Desde a súa aparación , na prehistoria, até o memento inmediato á chegada de Roma.
O último dos espazos está adicado por enteiro ao mundo romano. Tanto aos cambios que provocou nas sociedades previas como aos sistemas de minería do ouro.
Non o perdas!
A ruta polo Complexo Arqueolóxico de Covallón, un sendeiro de 4 km e medio que conecta catro explotacións auríferas romanas no concello de Ribas de Sil.