Ruinas do mosteiro de San Paio
O mosteiro de San Paio, a pesar do seu estado de abandono, forma un interesante conxunto dentro de Ribeira Sacra. Algúns autores pensan que se funda no século X (no ano 934, a familia de San Rosendo aparece como propietaria destas terras). Con todo, para outros foi no século XII. A Desamortización de Mendizábal supuxo o abandono do mosteiro, aínda que a igrexa seguiu sendo parroquial. No ano 1872 cómprao a Casa de Alba. En 1972 clausúrase a parroquia.
A igrexa, de finais do século XII, ten unha planta de cruz latina, coa cabeceira rectangular. Sobre o tornachuvias ao lado norte conserva unha pequena espadana sen campás acompañada de dúas figuras, posiblemente o propio San Paio e San Xoán Bautista. Conserva a portada de acceso e perdeu a cuberta. No atrio atopamos o antigo cemiterio.
No interior aínda se poden ver os capiteis das columnas, ornamentados con decoración vexetal e zoomorfa. Dous deles son coñecidos popularmente entre os veciños como a fame e a sede. Tamén se pode acceder á que foi a sancristía da igrexa, onde conserva algúns canzorros. As escaleiras de acceso á tribuna aínda están en pé.
Do pequeno claustro de mosteiro tampouco queda nada. Conserva unha portada interesante que se fixo para ennobrecer o acceso ao patio-claustro. Polas súas características posiblemente foi realizada no século XIV. Presenta un arco apuntado cunha única arquivolta perfilada cun moldura con decoración floral apoiada sobre dúas columnas cos capiteis decorados; o da dereita con cabezas humanas e o da esquerda cunha cabeza e dous ofidios. O tímpano é monolítico e sobre el aparece esculpida a imaxe do Pantocrátor sentado nun rexio trono. Viste unha túnica longa, cinguida á cintura, cos pés calzados e o manto abrochado sobre o peito. Ten as mans abertas cara a fóra, coroo real, nimbo e o rostro é hierático. Á esquerda, baixo dosel con arco de medio punto, a imaxe de San Pedro agarrando as chaves, con rostro bonachón. Á dereita, baixo dosel co arco apuntado, a imaxe de San Paulo, que leva a espada e o libro. O seu rostro mostra unha impresionante seriedade e concentración.
Na contorna do mosteiro consérvase o edificio que ocupou o cárcere e nas inmediacións desta as antigas adegas.
Non o perdas!
Preto deste mosteiro atópase a poboación de Castro Caldelas, na que é posible visitar o seu importante castelo, que dominou as terras dos arredores durante moito tempo. Aínda hoxe, si o visitamos, poderemos subirnos as súas murallas para contemplar a paisaxe que o rodea.
Igrexa e mosteiro de San Paio
Información e contacto
Aldea San Miguel, 66,
Castro Caldelas
32774 Ourense