

Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño

As primeiras fontes coñecidas sobre este antigo mosteiro refírense a un inventario da Mitra de Lugo do s. XIII, sendo unha doazón de Dona Urraca Fernández. Con todo, a partir de certos elementos é posible conxecturar unha posible orixe alta medieval para este espazo.
Un dos aspectos máis rechamantes desta igrexa ten que ver coa magnífica adecuación ao terreo e a súa perfecta integración na paisaxe. Para salvar o forte desnivel foi necesario rebaixar a ladeira e construír unha estrutura a modo de cripta para soster os pés do templo. Esta solución adoptarase en diversos momentos noutras edificacións do románico en Galicia, co soado Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela como exemplar máis paradigmático.
Ao interior, o conxunto articúlase a partir dunha nave en planta composta por catro tramos, con cuberta a dúas augas e sustentada por arcos de diafragma e unha única ábsida semicircular, precedida esta dun tramo recto con bóveda de medio canón e con nervaduras engadidas que pretenden simular unha bóveda de crucería. No tramo recto da cabeceira, a ambos os dous lados, aparecen dous belos óculos de tracería xeométrica.
Ao exterior, a decoración resérvase principalmente para as marxes de fiestras e portas. Destaca a porta principal, situada na magnífica fachada que domina o val. Esta amosa dous sectores ben diferenciados. Por unha banda, o espléndido rosetón cunha elaborada tracería calada. No sector inferior, o tornachoivas marca a división con respecto á portada, que segue unha disposición tripla con dous arcos cegos laterais flanqueando a porta central. Esta presenta un pronunciado abucinamento e unha decoración dominada polos motivos xeométricos e vexetais. De especial interese resulta a arquivolta inferior, na que observamos un grupo composto por sete personaxes con certos elementos entre as súas mans, como un salterio, un crecente lunar ou unha probable imaxe do sol. As interpretacións neste sentido son diversas. Algúns autores queren identificar a escena coas imaxes de Cristo e María xunto ao rei David e catro músicos. Xusto debaixo, un tímpano liso está sustentado por dous mochetas coas figuras dun demo (esquerda) e dun anxo cunha cartela (dereita). Polo que respecta aos capiteis, estes enriquécense con motivos vexetais e seres híbridos, en modelos semellantes a outros presentes nalgunhas igrexas veciñas da Ribeira Sacra.
Á súa vez, merece unha especial mención a Epifanía do interior. Este grupo forma parte dalgunhas das pezas atopadas con motivo das distintas campañas de restauración levadas a cabo nos últimos anos. Neste sentido, os Magos foran utilizados como pavimento da igrexa. Pola súa banda, a imaxe da Virxe co Neno foi achada no atrio na década dos anos corenta. María sostén a Xesús no seu regazo mentres que porta un cetro.
Por último, non podemos deixar de admirar a orixinal pila bautismal románica, a cal contén unhas enigmáticas decoracións xeométricas de gran singularidade.
É igrexa parroquial pertencente á Diocese de Lugo.
Podes facer unha visita virtual en 360º premendo aquí.
Fonte: Diocese de Lugo
Non o perdas!
Ademais deste mosteiro, existen outros en Ribeira Sacra igualmente icónicos do lugar e do estilo románico que caracterizan a zona. Dous exemplos poden ser o de San Paio de Diomondi ou San Vitoiro de Ribas de Miño, cuxa visita vos recomendamos.
Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño
Información e contacto

Santo Estevo de Ribas de Miño
O Saviñao
27594 Lugo

Equipamento e servizos

Accesibilidade




