Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil
NO VERÁN PROHÍBESE O ACCESO EN VEHÍCULOS PARTICULARES. É NECESARIA A RESERVA DE "COMBINADO MOSTEIRO+ BUS LANZADEIRA"
O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil está situado nunha paraxe espectacular no souto de Merilán.
O mosteiro beneditino ten a súa orixe no século X. Primeiro, foi un mosteiro independente e despois da reforma do século XVI queda como priorado dependente do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, do mesmo xeito que o de San Vicente de Pombeiro en terras de Pantón. Neste momento é cando se reforma o claustro e fanse as pinturas da igrexa. Foi un dos mosteiros máis importantes de Ribeira Sacra durante a Idade Media, como o demostran os vestixios das vías de comunicación que se conservan. Os monxes dedicáronse ao cultivo do castiñeiro e da vide. A desamortización supuxo o abandono definitivo do lugar.
Conserva a súa igrexa románica de finais do século XII e principios do XIII. Ten planta de cruz latina. A cabeceira está formada por tres ábsidas semicirculares, sendo a central máis elevada que as laterais. A fachada está divida en dous corpos. No superior, destaca o fermoso rosetón calado. A portada é abucinada. Presenta tres arquivoltas sinxelas decoradas con molduras de axadrezado. Os capiteis están decorados fundamentalmente con motivos vexetais. O tímpano é liso. No interior, a nave cóbrese cunha cuberta de madeira a dúas augas que se apoia sobre uns arcos apuntados que descansan sobre ménsulas, que están decoradas con motivos xeométricos e bólas. Na ábsida central, conserva unhas pinturas murais, renacentistas, do século XVI. Nelas podemos ver á Virxe e San Xoán, acompañados de Santo Domingo, San Antonio e Santo Tomás. Na parte superior, Santa Lucía e Santa Bárbara. Nunha das capelas laterais consérvase o altar románico.
No muro norte, atópase a torre-campanario que ten certo carácter defensivo. A base era unha especie de locutorio. Remata cun ameado e cuberta en forma de pirámide.
Facendo ángulo coa fachada da igrexa atópase a portada de acceso ao mosteiro. Ten unha soa arquivolta decorada con grandes follas e dobre moldura xeométrica en zig-zag. No intradorso do arco están representados os catro evanxelistas: aguia (San Xoán), anxo (San Mateu), touro (San Lucas) e león (San Marcos).
Das dependencias onde vivían os monxes consérvase pouco. Do claustro, tan só se conservan dúas ás con arcos sobre un baseamento corrido de gran sobriedade. Corresponde ás reformas do século XVI.
Podes facer unha visita virtual en 360º premendo eiquí.
Non o perdas!
Preto podedes visitar outro dos icónicos mosteiros de Ribeira Sacra, o de Santo Estevo de Ribas de Sil. Convertido na actualidade en Parador Nacional, asombrarédesvos polas súas grandiosas dimensións.
Mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil
RESERVA ENTRADA
Información e contacto
Caxide (Santa Cristina) Lugar: Castro
Parada de Sil
32749 Ourense