Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel

Canóns, serras, chairas e vales. Unha riqueza de flora e fauna excepcional e un legado cultural vivo. Un conxunto de características únicas que propiciaron que o territorio Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel fose declarado como Reserva da Biosfera pola UNESCO.

O territorio da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel confórmase a partir dos tramos medios das concas dos ríos Miño e Sil, así como dos seus afluentes: Lor, Cabe,..., estruturando a reserva en tres grandes unidades paisaxísticas: canóns, chairas e vales e serras.

O Canón do Sil e as Ribeiras do Miño establécense como o elemento característico e excepcional, onde a espectacular paisaxe rochosa,  boscosa e de viñedos en socalcos, combínase cunha gran riqueza de elementos do Patrimonio Cultural como mosteiros, igrexas, vilas históricas, ...

A superficie total da reserva abarca 306.535 hectáreas, supoñendo o 10% do territorio continental de Galicia, repartidas entre 23 municipios das provincias de Lugo e Ourense, dos cales 18 concellos pertencen ao xeodestino Ribeira Sacra (de Lugo: Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada; de Ourense: A Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín e Parada de Sil)

O territorio da reserva engloba ata un total de 9 espazos protexidos: Xeoparque Montañas do Courel,  ZEC Monte Faro, ZEC Pena Veidosa, ZEC Río Cabe, ZEC O Courel, ZEC Canón do Sil, ZEC Bidueiral de Montederramo, Monumento Natural Pregamento de Campodola-Leixazós e o ENIL Loio-Ruxidoira

O espazo de Galicia máis rico e diverso en flora e fauna

A confluencia dos climas oceánico e mediterráneo nesta área, as fortes variacións de temperatura do inverno ao verán, a presenza de afloramentos calcarios, unha orografía moi complexa con grandes desniveis altitudinales, entre outros factores, fan que podamos atoparnos ata 1214 especies florísticas, máis da metade da diversidade existente en Galicia.

Tal é a riqueza florística, que máis do 60% da flora de Galicia atópase presente no territorio da reserva. Case unha cuarta parte da reserva está cuberta por bosques ou devesas de diversos tipos, que acollen no seu interior máis de 50 especies de árbores e arbustos, destacando entre os tipos de hábitats prioritarios o breixo, o amieiro, o freixo ou o tezo.

Na zona oriental da reserva, máis concretamente no Courel, destaca o gran número de orquídeas existentes: ata 22 especies.

Por outra banda, a diversidade de hábitats e ecosistemas e o seu bo estado de conservación propician unha elevada biodiversidade de fauna: case 300 especies. No territorio cóntanse 169 especies de aves, 62 de mamíferos, 20 de réptiles, 14 de anfibios e 12 de peixes. 

É o territorio de especies emblemáticas como o lobo e o gato  montés, e tamén, un dos últimos redutos do oso pardo en terras galegas. 

 

Un legado cultural froito de séculos de historia

A herdanza dos últimos 2.500 anos déixanos restos arqueolóxicos pertencentes ao megalitismo, á Idade de Bronce e á cultura castrexa, así como outros que dan fe da presenza das lexións romanas neste punto do extremo occidental do Imperio Romano. Tamén os eremitas e comunidades de monxes tiveron unha gran relevancia para o territorio da reserva, converténdose mesmo na zona con maior concentración de románico rural de Europa.

Entre os límites da reserva atoparémonos con outras mostras dun rico patrimonio como castelos, igrexas, pontes, muíños, pazos, encoros,  bancales, minas romanas, vilas medievais,..., que forman parte deste gran espazo histórico e cultural. E non nos podemos esquecer do Camiño Francés e o Camiño de Inverno, que forman parte dos Camiños de Santiago de Compostela, incluídos na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO desde 1993. 

Polo valor da súa paisaxe e do patrimonio que atesoura intimamente ligada a el, Ribeira Sacra está declarada como Ben de Interese Cultural, na categoría de Paisaxe Cultural. 

E segue sendo un territorio vivo, habitado por máis de 75.000 persoas, que fan que Ribeira Sacra conserve actualmente todos os seus valores naturais, culturais e paisaxísticos.

Non o perdas!

Pero... que é unha reserva da biosfera?

A RERB (Rede Española de Reservas da Biosfera) define ás Reservas da Biosfera como territorios cuxo obxectivo é harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural e o desenvolvemento económico e social a través da relación das persoas coa natureza.

Establécense sobre zonas ecoloxicamente representativas ou de valor único, en ambientes terrestres, costeiros e mariños, nas cales a integración da poboación humana e as súas actividades coa conservación son esenciais.

COÑECE OS ESPAZOS PROTEXIDOS DENTRO DA RESERVA DA BIOSFERA