"Camiñando pola Ucraina" - Senderismo solidario en Ribeira Sacra
Desde que coñecemos a dramática situación que se está a vivir en Ucraína, decidimos artellar unha vía coa que colaborar dende o Consorcio aproveitando algúns dos moitos recursos turísticos cos que conta o xeodestino. Así, ben co obxectivo de promocionar as últimas rutas de sendeirismo homologadas en Ribeira Sacra pensamos en organizar unha serie de roteiros solidarios en próximas datas. Deste modo, unimos un dos nosos cometidos, a promoción turística, coa solidariedade con este pobo veciño.
Ribeira Sacra, 30 de marzo de 2022
O prezo da inscrición nestas rutas será doado integramente para a causa sinalada. E, para tal fin, asinouse un Convenio de Colaboración con Cruz Roja Española en Ourense, un dos organismos que está a dar cobertura ás accións urxentes que proporcionan os servizos necesarios para atender aos ucraínos e ucraínas e reducir o impacto humanitario desta crise.
“Camiñando pola Ucraína” é o lema do programa de actividades, o cal consistirá na realización de 6 andainas no territorio de Ribeira Sacra, durante as fins de semana comprendidas entre o 14 de abril e 1 de maio.
14 DE ABRIL:
- PR-G 237 Sendeiro do miradorio de Matacás (Castro Caldelas) - 16,5 km - Dificultade media
- PR-G 249 Camiño Vello de Aldosende (Paradela) - 11 km - Dificultade media
23 DE ABRIL:
- PR-G 218 Circular de Montouto (Quiroga) - 18,2 km - Dificultade alta
- PR-G 253 Ruta Granítica de Moura (Nogueira de Ramuín) - 7,5 km - Dificultade baixa
1 DE MAIO:
- PR-G 224 Ruta da Teixeira (A Teixeira) - 13,7 km - Dificultade media
- PR-G 242 Ruta da Capela de San Vitorio á Mina da Veneira (A Pobra do Brollón) - 12 km - Dificultade media
Cada ruta contará cun aforo máximo de 50 persoas e terá un prezo de 10€ por persoa; prezo que, como adiantábamos con anterioridade, se doará íntegro a Cruz Roja Española.
Para máis información, os/-as interesados poderán poñerse en contacto co Consorcio de Turismo Ribeira Sacra en turismo@ribeirasacra.org ou no teléfono 638 823 592.
A realización desta iniciativa non sería posible sen a colaboración das 6 empresas especializas en turismo activo que se encargarán da coordinación e guiado das rutas de sendeirismo (Coureleando, Milpositivos, Monte da Roda, Rutea, Surbia Natura e Xeitura). Varias xa manifestaron que participarán de xeito totalmente altruista, doando os seus honorarios para a causa.