Día 2 - Ruta dos mosteiros
Con este percorrido poderás coñecer os mosteiros situados nas ribeiras do río Sil, así como o único mosteiro que aínda conserva vida monacal en Ribeira Sacra. Este itinerario forma parte dunha ruta de 2 días, na cal se visitan todos os mosteiros que se conservan en Ribeira Sacra.
A nosa ruta comezará co mosteiro de San Salvador de Ferreira de Pantón, popularmente coñecido como mosteiro das Bernardas. Na actualidade, é o único mosteiro que permanece aínda habitado en Ribeira Sacra. Non te podes marchar sen probar os marabillosos doces que elaboran! ;)
Trala visita ao mosteiro das Bernardas, dirixirémonos ao de Santo Estevo de Ribas de Sil, o mosteiro máis impoñente de Ribeira Sacra. A súa grandiosidade deixaranos ver a importancia que chegou a ter estes conxunto séculos atrás. Hoxe en día está convertido en Parador Nacional de Turismo e pódense visitar os seus tres claustros e a igrexa; tamén, a zona traseira do bosque, onde albergaban o antigo matadoiro e fornos.
Para chegar ao mosteiro de Santo Estevo, desde Ferreira de Pantón, teremos dúas opcións:
- A máis curta: sairemos do núcleo do pobo coma se fósemos tomar a N-120, pero antes de chegar á incorporación, desviarémonos a man esquerda en dirección Santo Estevo. Tras cruzar o río Sil á altura da Barxa, viraremos á esquerda, seguindo as indicacións para o catamarán. Continuaremos por esa estrada, sen desviarnos, ata que chegue ao seu fin, no pobo de Loureiro. Aí, viraremos á dereita e seguiremos as indicacións para o mosteiro.
- A estrada en mellor estado: sairemos de Ferreira de Pantón cara a N-120 en dirección Ourense. Tras pasar a localidade de Os Peares, desviarémonos a man esquerda en dirección Penalba/Luintra/Mosteiro de Santo Estevo. Desde aí está perfectamente sinalizado (haberá que seguir os sinais que indican "PARADOR").
Unha vez rematemos a visita en Santo Estevo, volveremos sobre os nosos pasos ata a estrada principal e continuarémola uns metros (en dirección Luintra) ata atoparnos cun cartel que indica "Paradela" a man dereita; desviarémonos e aparcaremos. Continuaremos camiñando uns 300 metros ata o miradoiro de Penedos do Castro. Desde aquí, poderemos observar a localización do mosteiro de Santo Estevo, na ladeira do Canón do Sil. Ao fondo, tamén poderemos apreciar a Ponte da Barxa e, nese mesmo punto, a desembocadura do río Cabe no Sil.
Regresamos á estrada principal, aínda que esta vez en sentido contrario, é dicir, en dirección Parada de Sil. De camiño, atoparémonos co miradoiro de Cabezoás. Desde alí teremos unha fantástica panorámica sobre o último meandro do Sil antes da presa de Santo Estevo.
Continuamos en ruta na mesma dirección ata chegar ao núcleo do concello de Parada de Sil. Alí, atoparemos a sinalización para chegar ao seguinte mosteiro, Santa Cristina de Ribas de Sil (necesaria reserva con antelación en https://turismo.ribeirasacra.org/gl/reservas). Santa Cristina é a xoia do románico por excelencia de Ribeira Sacra. Ademais, está situado nunha contorna privilexiada, completamente rodeado de castiñeiros e en plena ladeira do Canón de Sil.
Por último, volveremos ao pobo de Parada de Sil, para dirixirnos á última parada deste percorrido, o mosteiro de San Paio. San Paio está actualmente en ruínas, pero pódese visitar o seu exterior, onde aínda se poden observar restos da igrexa, do cemiterio e do antigo patio-claustro. Para chegar, teremos tamén dúas opcións:
- Desde Parada de Sil, tomamos a OU-0604 ataVilariño Frío. Aí, viraremos á esquerda pola OU-536 en dirección Castro Caldelas/Trives. E ao chegar a Castro Caldelas, viraremos á esquerda pola LU-903 en dirección A Teixeira. A poucos quilómetros atoparémonos o desvío cara á Teixeira, o cal nos levará ao mosteiro.
- Desde Parada de Sil, tomamos a OU-0605 en dirección A Teixeira. Polo camiño, poderemos facer parada noutros lugares como o castiñeiro milenario de Entrambosrríos, as pasarelas do río Mao, a aldea de Cristosende ou as Fervenzas do Cachón (esta opción é só aconsellable para épocas con máis horas de luz).
OBSERVACIÓNS
- Se seguimos as indicacións en canto a tempos e comezamos o roteiro coincidindo co horario de apertura do mosteiro de San Salvador, tanto se xantamos en Luintra, no Parador ou en Parada de Sil, deberemos reservar a entrada para o mosteiro de Santa Cristina ás 16:00 horas.
OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE
ONDE COMER · Preme aquí para descubrir os restaurantes máis próximos ao punto no que te atopes nese momento (poderás filtrar por concello).
MÁIS RECURSOS · Se queres completar o percorrido con outros recursos próximos ao punto no que te atopes, utiliza o mapa interactivo, seleccionando na procura o concello no que te sitúes nese momento (opción recomendada soamente para épocas do ano nas que hai abundantes horas de luz).


Único mosteiro de Ribeira Sacra que mantén vida relixiosa, tamén coñecido como Mosteiro das Bernardas.


O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é un dos conxuntos máis destacados e espectaculares do rico patrimonio monumental de Galicia. Foi construído entre os séculos XII e XVIII.

Neste lugar situábase antigamente un castro, localizado nun lugar estratéxico para a vixilancia e defensa. Hoxe en día, desde este miradoiro, podemos apreciar o mosteiro de Santo Estevo, nunha localización tamén privilexiada, no alto do Canón do Sil.


Cabezoás é un dos miradoiros máis populares de Ribeira Sacra, o que indica a súa relevancia nun territorio caracterizado pola abundancia e calidade de puntos de observación.

NO VERÁN PROHÍBESE O ACCESO EN VEHÍCULOS PARTICULARES. É NECESARIA A RESERVA DE "COMBINADO MOSTEIRO+ BUS LANZADEIRA"
O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil está situado nunha paraxe espectacular no souto de Merilán.

O mosteiro de San Paio, a pesar do seu estado de abandono, forma un interesante conxunto dentro de Ribeira Sacra. Algúns autores pensan que se funda no século X (no ano 934, a familia de San Rosendo aparece como propietaria destas terras). Con todo, para outros foi no século XII. A Desamortización de Mendizábal supuxo o abandono do mosteiro, aínda que a igrexa seguiu sendo parroquial. No ano 1872 cómprao a Casa de Alba. En 1972 clausúrase a parroquia.
Non o perdas!
Neste percorrido poderás incluír o paseo en catamarán pola mañá, despois da visita ao mosteiro das Bernardas, desde o embarcadoiro de Santo Estevo. No verán, tamén poderás facelo a última hora da tarde, desde os embarcadoiros de Ponte do Sil ou Abeleda.