Día 1 - Ruta dos mosteiros
Con este percorrido poderás coñecer os mosteiros do interior de Ribeira Sacra. Este itinerario forma parte dunha ruta de 2 días, na cal se visitan todos os mosteiros que se conservan en Ribeira Sacra.
Comezaremos a xornada coa visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas, o máis antigo de Galicia e caracterizado por estar construído nunha rocha. Poderemos visitar a súa igrexa rupestre, as tumbas antropomorfas, a fonte milagrosa de San Bieito e o Centro de Interpretación. Este é o mellor punto de partida, xa que no seu interior alberga, como diciamos, o Centro de Interpretación de Ribeira Sacra, un espazo expositivo que nos axudará a situarnos e a comprender que é Ribeira Sacra, os costumes das súas xentes e a vida nos mosteiros.
Tras a visita a San Pedro de Rocas, dirixirémonos, a través da OU-536, ao mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, situado no mesmo pobo. Alí, a través da visita guiada, poderemos descubrir todas as pecualiaridades dunha das xoias máis descoñecida de Ribeira Sacra (necesaria reserva con antelación en https://turismo.ribeirasacra.org/gl/reservas).
Volveremos á OU-536 e ao pouco de pasar a poboación de Vilariño Frío, desviarémonos en dirección Montederramo; o mosteiro de Santa María de Montederramo, a nosa seguinte visita, está tamén situado no centro do pobo. A maioría dos historiadores atribúen a orixe deste mosteiro ao documento de Dona Teresa de Portugal (ano 1124) no que aparece o topónimo Ribeira Sacra (necesaria reserva con antelación en https://turismo.ribeirasacra.org/gl/reservas/).
A continuación, regresaremos á OU-536 e continuarémola en dirección Castro Caldelas; poboación onde deberemos desviarnos a man esquerda pola LU-903, seguindo as indicacións para Doade. Ao chegar ao pobo de Abeleda, colleremos o desvío a man dereita que nos levará á nosa seguinte parada, o miradoiro das Penas de Matacás. Desde este lugar teremos unha impresionante panorámica sobre ámbalas ladeiras do río Sil; poderemos apreciar a frondosidad da súa ladeira sur e o famoso cultivo de viñedos en bancais na súa ladeira norte.
Continuamos a nosa ruta e, para iso, volveremos á estrada principal e seguirémola novamente en dirección Doade. Baixaremos a pé de río, ata os embarcadoiros que viamos desde o miradoiro, e volveremos subir ata metade de ladeira aproximadamente, onde nos deteremos no miradoiro de Soutochao para apreciar máis de preto os viñedos e descubrir o porqué se coñece a esta forma de cultivo como viticultura heroica.
Tras a parada no miradoiro de Soutochao, dirixirémonos ao último punto neste roteiro: o mosteiro de San Vicente do Pino. Para iso, continuaremos a mesma estrada pola que viñamos, e na mesma dirección. Ao chegar a Monforte de Lemos, na primeira glorieta que nos atoparemos, continuaremos de fronte seguindo as indicacións cara a "PARADOR".
O mosteiro de San Vicente do Pino é un dos dous Paradores Nacionais de Turismo cos que conta Ribeira Sacra. Está situado no monte de San Vicente, o punto máis alto da cidade, polo que tamén exerce como miradoiro sobre Monforte de Lemos. Ademais, pertence ao Conxunto Monumental de San Vicente do Pino, composto pola Torre da Homenaxe e a Casa Condal, propiedade dos antigos Condes de Lemos, señores destas terras.
OBSERVACIÓNS
- Seguindo as indicacións en canto a tempos de permanencia en cada recurso, e comezando o itinerario coincidindo coa hora de apertura de San Pedro de Rocas (10:30 horas), os horarios de visita para reservar nos mosteiros de Xunqueira de Espadanedo e Montederramo serán 12:00 e 13:00 horas, respectivamente.
OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE
ONDE COMER · Preme aquí para descubrir os restaurantes máis próximos ao punto no que te atopes nese momento (poderás filtrar por concello).
MÁIS RECURSOS · Se queres completar o percorrido con outros recursos próximos ao punto no que te atopes, utiliza o mapa interactivo, seleccionando na procura o concello no que te sitúes nese momento (opción recomendada soamente para épocas do ano nas que hai abundantes horas de luz).
O mosteiro de San Pedro de Rocas está situado no monte Barbeirón, rodeado de formacións rochosas que puideron darlle nome a este lugar.
Este mosteiro é un dos máis descoñecidos da Ribeira Sacra, e certamente conta con moitos elementos que o fan digno de visitar. Ademais, pasou por moitos estilos arquitectónicos ao longo da súa historia, dende o románico ata o barroco.
A máis de 500 metros elévase este miradoiro, situado, como o seu nome indica, sobre as Penas de Matacás. Desde el, teremos unhas impresionantes vistas do Canón do Sil.
Este miradoiro atópase situado entre viñedos cultivados sobre un gran desnivel, a centos de metros sobre as augas do Sil. Na entrada deste miradoiro poderemos contemplar a xigantesca estatua de granito dedicada aos e ás vendimadoras desta zona.
A rede de miradoiros do concello de Sober, entre os que se atopa este, obtivo o selo de Calidade Turística de España (ICTE). Soamente cinco espazos públicos deste tipo, en todo o Estado, obtiveron esta distinción ata o ano 2021.
Sobre a chaira de Monforte de Lemos álzase un pequeno monte dende o que é posible dominar toda a súa extensión. Ese foi o lugar elixido no século X para a edificación que máis adiante daría orixe ao actual Mosteiro. Tamén se conta que esta era a ubicación do coñecido Castro Dactonio, da tribu celta dos Lemavos, recollido polos historiadores Ptolomeo e Plinio o Vello.
Non o perdas!
Neste itinerario pódese incluír o paseo en catamarán á primeira hora da tarde, desde os embarcadoiros de Abeleda ou Ponte do Sil. Na mesma zona, tamén se pode gozar de actividades como o tren enoturístico ou a visita a unha adega (para realizar calquera destas actividades, en épocas do ano con menos horas de luz haberá que prescindir do primeiro dos miradoiros polo menos).