Ruta polo Sil Norte

Con este percorrido poderás coñecer o único mosteiro aínda habitado en Ribeira Sacra, avistar como se esconden outros mosteiros nas ladeiras do Canón do Sil ou coñecer de preto a afamada viticultura heroica, asomándote a vertixinosos miradoiros sobre os viñedos dispostos en bancais.
Partiremos desde Monforte de Lemos, capital de Ribeira Sacra, que poderemos aproveitar para visitar ao principio da xornada, ou deixalo para o final. As ribeiras do río Cabe, a ponte vella, a muralla medieval, a zona de ámbito xudeu ou a súa ampla rede de museos son algunhas das sorpresas que nos agardan na cidade.
A primeira das nosas paradas será o pobo dos Peares, ao que chegaremos pola N-120 en dirección Ourense. Que nos espera nos Peares? Primeiramente, esta pequena vila destaca por ser toda unha encrucillada de límites territoriais; pertence a catro concellos e dúas provincias distintas. Ademais, nesta localidade localízase tamén o punto de unión entre o Sil e o Miño, os principais ríos de Ribeira Sacra. Non podemos marcharnos sen deleitarnos con os coloridos murais do proxecto "Un toque de color en RS", levado a cabo polo Consorcio de Turismo de Ribeira Sacra, situados en varias vivendas da vila.
A continuación, tomaremos rumbo ao miradoiro de Pena Pombeira, ao que accederemos a través da LU-P-4104 tras atravesar a ponte sobre a desembocadura do Sil. Ascenderemos pola serpenteante estrada que bordea o tramo final do río Sil. No ascenso poderemos atoparnos coa presa de San Pedro, a última deste río antes de desembocar no Miño, e tamén coa igrexa de orixe románico de San Vicente de Pombeiro. Chegaremos ao miradoiro a través dunha pista de terra e atoparémonos cunha das vistas máis descoñecidas do río Sil e do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, situado na marxe oposta ao miradoiro.
Volvemos sobre os nosos pasos á estrada principal e continuamos en dirección á capital do municipio de Pantón. Alí, poderemos visitar o mosteiro de San Salvador de Ferreira, tamén coñecido como o mosteiro das Bernardas, o único que conserva vida monacal en Ribeira Sacra.
Despois, tomaremos rumbo cara a Monforte de Lemos pola N-120 para desviarnos á altura de Canaval (Sober). Atravesaremos o pobo e seguiremos en dirección Canón do Sil para chegar á nosa próxima parada, o miradoiro de Santiorxo. Este miradoiro conta cunha ampla panorámica do río Sil e se aguzamos un pouco a vista ata prodremos ver como se esconde entre castiñeiros o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, situado a metade de ladeira no Canón do Sil.
A continuación, seguiremos pola LU-5903 ata Doade, onde continuaremos recto ata atopar as indicacións para o miradoiro de Pena do Castelo. Atoparémonos ao chegar ao miradoiro cunhas vertixinosas vistas sobre os viñedos dispostos en bancais. O ideal, para chegar ao miradoiro, é que deixemos o coche ao principio da pista de terra (hai un apartado cun merendeiro de madeira onde poder estacionar) e subir ao miradoiro camiñando; pouco máis de 1 km.
Por último, volveremos ao punto de inicio, Monforte de Lemos, pola LU-903.
OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE
ONDE COMER · Preme aquí para descubrir os restaurantes máis próximos ao punto no que te atopes nese momento (poderás filtrar por concello).
MÁIS RECURSOS · Se queres completar o percorrido con outros recursos próximos ao punto no que te atopes, utiliza o mapa interactivo, seleccionando na procura o concello no que te sitúes nese momento (opción recomendada soamente para épocas do ano nas que hai abundantes horas de luz).


A localidade dos Peares caracterízase por ser un lugar de unión. Aquí unen as súas augas os ríos Miño e Sil, ademais do Búbal; e aquí tamén únense catro concellos de dúas provincias diferentes.

Situado no punto máis alto do Concello de Pantón (703 metros) é o lugar idóneo para ter unha boa perspectiva das terras do Val de Lemos, ribeira do Sil ourensá entre Peares e Parada do Sil, así como zonas de Carballedo e incluso Chantada, tendo unha boa vista do Monte Faro e Farelo na distancia.


Único mosteiro de Ribeira Sacra que mantén vida relixiosa, tamén coñecido como Mosteiro das Bernardas.


Dende este miradoiro é posible contemplar o Mosteiro de Santa Cristina na outra beira do val, así como o canón do río Sil ao seu paso polo concello de Sober.


Ao carón dunha capela en honor a San Amaro de recente construción, atópase este fantástico miradoiro.


¿Sabías que o chamado Escorial de Galicia está en Monforte? Esta é unha das moitas sorpresas que che agardan aquí, porque Monforte é unha cidade con importantes monumentos, museos, servizos e puntos de interese.
Accesibilidade

Non o perdas!
Neste percorrido pódese incluír o paseo en catamarán a metade da xornada, tras pasar pola localidade de Sober (desde o embarcadoiro dos Chancís) ou na etapa final do percorrido, desde os embarcadoiros de Ponte do Sil ou Abeleda.