Distancia do percorrido
83 km
Tempo do percorrido
1 día
Comezo
Esgos
Chegada
Esgos

Ruta polo Sil Sudoeste

Imprescindibles

Con este roteiro combinamos varios dos mosteiros e miradoiros máis emblemáticos de Ribeira Sacra. Un percorrido pola historia de Ribeira Sacra, comezando polo mosteiro de San Pedro de Rocas, o máis antigo de Galicia. 

A maxia dos mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, Santa Cristina ou Xunqueira de Espadanedo estarán tamén presentes neste percorrido. E todo iso sen esquecernos dos nosos tamén afamados miradoiros. Arrincamos...!

Partiremos do municipio de Esgos para comezar a xornada coa visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas. No complexo poderemos visitar a súa igrexa rupestre, tumbas antropomorfas, a fonte milagrosa de San Bieito e tamén as antigas dependencias monacais, hoxe convertidas en Centro de Interpretación de Ribeira Sacra.

Continuaremos pola OU-0509 en dirección Luíntra. Ao chegar ao pobo, berce de afiadores, continuaremos pola OU-0508 en dirección ao Mosteiro de Santo Estevo. Pouco antes de chegar ao mosteiro, á altura de Pombar desviarémonos á esquerda seguindo as indicacións ao Miradoiro de Penedos do Castro (deberemos aparcar na chaira e continuar camiñando uns 300 metros). Desde o miradoiro poderemos contemplar o mosteiro de Santo Estevo, así como A Ponte da Barxa ao fondo, a desembocadura do río Cabe no Sil. 

A continuación, retrocederemos sobre os nosos pasos para continuar na mesma estrada en dirección ao Mosteiro de Santo Estevo, o de maiores dimensións de Ribeira Sacra, considerado como un dos conxuntos  monacales mellor conservados de Galicia. Hoxe en día está convertido en Parador Nacional de Turismo. Pódense visitar a súa igrexa, os seus tres claustros e o bosque exterior onde se localizan os antigos fornos e cuadras. 

Volveremos á estrada principal e continuaremos en dirección Parada de Sil. A 12 km aproximadamente atoparémonos a man esquerda as indicacións para o Miradoiro da Columna. Aparcaremos 50 metros máis adiante na chaira habilitada e poderemos chegar ao miradoiro tras percorrer un carreiro de terra durante uns 200 metros. Teremos unhas vistas panorámicas a un dos meandros do río Sil e aos últimos metros do río antes de atoparse coa presa de Santo Estevo. 

Continuaremos pola OU- 0508 ata a localidade de Parada de Sil, desde onde seguiremos as indicacións para o Mosteiro de Santa Cristina (necesario reserva con antelación en https://turismo.ribeirasacra.org/gl/reservas), unha das xoias por excelencia do románico en Ribeira Sacra. Situado no medio dun bosque de castiñeiros, enclavado literalmente no Canón do Sil. 

Unha vez finalicemos a visita a Santa Cristina, retrocedemos sobre os nosos pasos e deterémonos na localidade de Castro, a apenas 2km, para achegarnos ao Miradoiro de Castro, dúas pasarelas que se adentran no Canón do Sil. O miradoiro é tamén coñecido cos nomes de A Mirada  Máxica ou  As  Xariñas  do Castro. O acceso realízase a través do carreiro que bordea o cámping. 

Volveremos á capital do municipio e seguiremos as indicacións en dirección Vilariño Frío pola  OU-0604. Ao chegar ao final desa estrada, viraremos á dereita pola OU-536 en dirección Ourense ata chegar a Xunqueira de Espadanedo (a 12 km aproximadamente). 

Para finalizar a xornada poderemos desfrutar da visita guiada no Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo (necesario reserva con antelación en https://turismo.ribeirasacra.org/gl/reservas).

Desde esta última poboación sepárannos pouco máis de 5 minutos a Esgos, o punto de orixe do roteiro. 


OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE 

  ONDE COMER · Preme aquí para descubrir os restaurantes máis próximos ao punto no que te atopes nese momento (poderás filtrar por concello). 

 MÁIS RECURSOS · Se queres completar o percorrido con outros recursos próximos ao punto no que te atopes, utiliza o mapa interactivo, seleccionando na procura o concello no que te sitúes nese momento (opción recomendada soamente para épocas do ano nas que hai abundantes horas de luz).

 

A súa orixe remóntase ao século VI e é posiblemente o mosteiro máis antigo de Galicia

O mosteiro de San Pedro de Rocas está situado no monte Barbeirón, rodeado de formacións rochosas que puideron darlle nome a este lugar.

Con vistas sobre o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil

Neste lugar situábase antigamente un castro, localizado nun lugar estratéxico para a vixilancia e defensa. Hoxe en día, desde este miradoiro, podemos apreciar o mosteiro de Santo Estevo, nunha localización tamén privilexiada, no alto do Canón do Sil.

Un dos icónicos mosteiros de Ribeira Sacra, Parador Nacional de Turismo na actualidade.

O mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é un dos conxuntos máis destacados e espectaculares do rico patrimonio monumental de Galicia. Foi construído entre os séculos XII e XVIII.
 

Tamén coñecido como miradoiro do Picotiño

Tamén coñecido como miradoiro do Picotiño, está moi próximo ao miradoiro de Cabezoás, dende aquí tamén é posible observar o impresionante e último meandro do río Sil ao seu paso polo concello de Parada de Sil.

Unha das xoias do románico de Ribeira Sacra

NO VERÁN PROHÍBESE O ACCESO EN VEHÍCULOS PARTICULARES. É NECESARIA A RESERVA DE "COMBINADO MOSTEIRO+ BUS LANZADEIRA"

O mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil está situado nunha paraxe espectacular no souto de Merilán.

O miradoiro é tamén coñecido cos nomes de A Mirada Máxica ou As Xariñas do Castro

AVISO IMPORTANTE: Miradoiro en propiedade privada. Consultar accesos con Cámping Canón do Sil (contacto máis abaixo).

 

Este mosteiro sufriu moitos cambios de estilo arquitectónico ao longo da súa historia.

Este mosteiro é un dos máis descoñecidos da Ribeira Sacra, e certamente conta con moitos elementos que o fan digno de visitar. Ademais, pasou por moitos estilos arquitectónicos ao longo da súa historia, dende o románico ata o barroco.

Accesibilidade

En coche

Non o perdas!

Neste percorrido pódese incluír o paseo en catamarán á primeira hora do día, despois da visita ao mosteiro de San Pedro de Rocas ou ao de Santo Estevo de Ribas de Sil. Tomaríase desde o embarcadoiro de Santo Estevo