Ruta polo Sil Sureste

Un mosteiro, un castelo, unha vila con moito encanto, un bosque máxico, un paseo polas pasarelas máis coñecidas de Ribeira Sacra e moita auga é a esencia deste percorrido circular na zona este de Ribeira Sacra.
A xornada comeza en Castro Caldelas, onde poderemos visitar o seu castelo medieval e pasear polas súas rúas empedradas. No centro histórico atoparémonos recursos como a Casa de Vicente Risco, ilustre escritor galego da Xeración Nós, o esgrafiado da Praza da Torre ou o Santuario de Nosa Señora dos Remedios.
Unha vez finalizado o paseo por esta vila, dirixirémonos á OU-536, en dirección Ourense, para achegarnos ata Montederramo, onde poderemos visitar o Mosteiro de Santa María (necesario reserva con antelación en https://turismo.ribeirasacra.org/gl/reservas); lugar intimamente relacionado coa orixe de Ribeira Sacra.
Tras a visita guiada, volveremos sobre os nosos pasos para tomar de novo á OU-536, tamén en dirección Ourense, e, á altura de Vilariño Frío, desviarémonos cara a Parada de Sil. Ao chegar á devandita localidade, seguiremos as indicacións para o Miradoiro Balcóns de Madrid/Vos Torgais, o cal é, sen dúbida, o miradoiro máis famoso de Ribeira Sacra.
A continuación, volveremos ao núcleo do municipio para seguir pola OU-0605 en dirección A Teixeira. Conduciremos durante aproximadamente 10 minutos e ao chegar á localidade de Chandrexa desviarémonos nun xiro moi pronunciado cara a Entrambosrríos. Alí poderemos visitar ao "avó" dos castiñeiros galegos, o coñecido como Castiñeiro Milenario de Entrambosrríos.
Seguidamente, volveremos á estrada principal e continuaremos na mesa ruta, en dirección A Teixeira. A nosa seguinte parada son as Pasarelas do Río Mao, un pequeno roteiro de sendeirismo sobre pasarelas de madeira situadas literalmente no canón do Mao. Poderemos realizar soamente o tramo de pasarelas ou continuar o sendeiro seguindo a PR-G 177 ata a desembocadura do Mao no río Sil.
Continuaremos en ruta pola OU-0605 durante uns 15 minutos ata chegar ás indicacións onde comeza o pequeno roteiro de sendeirismo que conecta coas Fervenzas do Río Cachón. Poderemos aproveitar e facer un alto no camiño entre as pasarelas e as fervenzas en Cristosende, un pobo con moito encanto (e unhas vistas espectaculares tamén).
A última parada deste percorrido é o Miradoiro das Penas de Matacás, desde o cal poderemos deleitarnos co Canón do Sil repleto de viñedos en bancais cunhas pendentes de vertixe, o que coñecemos como viticultura heroica.
Unha vez neste punto, e se aínda nos atopamos con forzas (e non é moi tarde), desde As Penas de Matacás parten varios carreiros que nos levarían a coñecer antigas covas-refuxio como son A Cova do Mario.
OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE
ONDE COMER · Preme aquí para descubrir os restaurantes máis próximos ao punto no que te atopes nese momento (poderás filtrar por concello).
MÁIS RECURSOS · Se queres completar o percorrido con outros recursos próximos ao punto no que te atopes, utiliza o mapa interactivo, seleccionando na procura o concello no que te sitúes nese momento (opción recomendada soamente para épocas do ano nas que hai abundantes horas de luz).


O casco antigo de Castro Caldelas foi declarado conxunto histórico artístico en 1998 .Trátase, principalmente, das rúas que soben ao Castelo dos Condes de Lemos; a rúa do Sol e rúa Grande. Rúas empedradas que seguen o trazado medieval, mostrando interesantes casas de pedra con galerías e escudos. Nunha destas casas, actualmente pousada, viviu o ilustre escritor e político galego Vicente Risco



Un dos miradoiros máis espectaculares de Galicia e sen dúbida o máis mediático de Ribeira Sacra.

Este castiñeiro, incluído no "Catálogo de Árbores senlleiras de Galicia" é unha beleza, un xigante de 15 metros de altura e máis de 9 de perímetro, no medio dun souto de conto. Habita neste bosque autóctono, salpicado de castiñeiros centenarios e entre restos de sequeiros e muíños tradicionais, desde hai máis de 700 anos.

Partindo da Fábrica da Luz, poderemos recorrer as pasarelas do canón do río Mao ata a súa desembocadura no río Sil.

A Fervenza do Cachón é un dos saltos que forma o río dos Vaos antes da súa desembocadura no río Sil.


A máis de 500 metros elévase este miradoiro, situado, como o seu nome indica, sobre as Penas de Matacás. Desde el, teremos unhas impresionantes vistas do Canón do Sil.
Accesibilidade

Non o perdas!
Neste percorrido pódese incluír o paseo en catamarán a última ou á primeira hora do día (neste caso, recoméndase facer o roteiro á inversa). Tomaríase desde os embarcadoiros de Ponte do Sil ou Abeleda.
O itinerario tamén se pode completar ao final do día con algunha actividade de enoturismo como a visita a unha adega.