Ruta dos Miradoiros
Con este itinerario poderás descubrir os miradoiros máis emblemáticos de Ribeira Sacra. Percorremos tanto a ribeira do río Miño como a do Sil, alternando paradas a pé de río e nas alturas.
Comezaremos a xornada desde o miradoiro situado no punto quilométrico 5 da estrada LU-533, a cal une Chantada con Monforte de Lemos. Desde alí, teremos unha magnífica panorámica do transcurso do río Miño e dos clásicos viñedos en pendente da D.O.Ribeira Sacra. Tamén, se viramos a vista cara á esquerda, poderemos observar a impresionante localización da igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, na cima da montaña.
A continuación, dirixirémonos cara a Belesar. Para chegar a este punto desde o anterior temos dúas opcións: a través da estrada que hai inmediatamente despois do miradoiro ou mediante o seguinte acceso, situado a 1 km en dirección Monforte de Lemos.
Belesar é un pobo moi pintoresco. Está localizado a pé de río e rodeado de viñedos. Aquí, poderemos apreciar esa característica tan peculiar das augas do Miño; a súa calma fai que pareza un espello! Belesar tamén é punto de paso do Camiño de Inverno, unha das rutas de peregrinación que conducen a Santiago de Compostela.
Tras unha breve parada no pobo, seguiremos a estrada que discorre pegada ao Miño (LU-P-5819) ata a Praia da Cova. Alí, comezaremos a ascender e a uns 3,5 km aproximadamente atoparemos a sinalización para o miradoiro de Cabo do Mundo, o meandro máis icónico do río Miño (deberemos deixar o coche aí e camiñar uns 100 metros). Outras alternativas a este miradoiro, con vistas moi similares ao meandro, son o miradoiro situado da adega Abadía da Cova ou o situado dentro do recinto do Ecomuseo de Arxeriz.
A nosa seguinteparada será Os Peares. Para chegar a esta localidade, seguiremos as indicacións ata a LU-P-4102, onde viraremos á dereita en dirección Ferreira. A aproximadamente 4 km deste punto, desviarémonos á dereita en dirección Ourense - N-120. Unha vez na N-120, comezaremos a descender pegados ao Miño e a poucos quilómentros atoparémonos coas indicacións cara Os Peares.
Desde Os Peares, continuaremos pola estrada que discorre pegada ao Sil (é propiedade da compañía eléctrica, pero permítese o tránsito de vehículos particulares), para dirixirnos ao embarcadoiro de Santo Estevo, un miradoiro a pé de río, en pleno Canón do Sil. Durante o camiño tamén poderemos aproveitar para deternos no miradoiro que hai sobre a presa de Santo Estevo, onde poderemos coñecer a través dos paneis interpretativos a historia e características da construción.
Despois de visitar a zona do embarcadoiro, volveremos sobre os nosos pasos ata a estrada principal e viraremos á esquerda en dirección Luintra/Loureiro. Ao chegar a Loureiro, seguiremos pola OU-0508 ata a altura do pobo de Pombar, onde nos desviaremos a man dereita no cartel que indica "Paradela". Deixamos o coche nese punto e camiñaremos aproximadamente uns 300 metros ata o miradoiro de Penedos do Castro. Este miradoiro ofrécenos unhas vistas privilexiadas do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, así como da desembocadura do río Cabe no Sil.
Novamente, volvemos á estrada principal, aínda que esta vez en dirección Parada de Sil (esquerda). Conduciremos nesta ocasión pola parte superior do Canón do Sil. Percorreremos a OU-0508 durante uns 13 km ata chegar ao miradoiro de Cabezoás. O miradoiro de Cabezoás é un dos máis altos de Ribeira Sacra e ofrece unha panorámica sobre o último meandro do Sil, xusto antes de atoparse coa presa de Santo Estevo.
Continuamos por esa mesma estrada ata chegar a Parada de Sil (deberiamos chegar a este punto sobre a hora para comer), localidade onde se atopa o miradoiro máis famoso de Ribeira Sacra, os Balcóns de Madrid. En este mesmo punto poderemos, ademais, apreciar un antigo foxo, construción que servía para cazar lobos.
Regresamos ao pobo e aquí, temos dúas alteranativas para continuar ata o seguinte miradoiro, As Penas de Matacás:
- A primeira delas (e a máis cómoda) é tomar a OU-0604 ata Valilongo. Alí, continuar en dirección Trives/Castro Caldelas e ao chegar a Castro Caldelas virar á esquerda en dirección Doade (a 7 km atoparemos o desvío para o miradoiro).
- A segunda de elas é continuar a estrada que discorre pegada ao Canón en dirección A Teixeira. Ao chegar ao final, virar en dirección Monforte de Lemos (a 2 km teremos as indicacións para o miradoiro) . Esta opción son menos quilómetros, pero conleva máis tempo, xa que a estrada é máis sinuosa.
Durante o camiño a este miradoiro, poderedes darvos conta de como muda a paisaxe. Estamos a adentrarnos noutro espazo totalmente diferente do Canón do Sil, xa que abandonamos a parte máis rochosa e abrupta para chegar a outra zona onde o que destaca son os viñedos dispostos en bancais; unha paisaxe que poderemos contemplar aínda mellor desde o miradoiro de As Penas de Matacás.
Unha vez visitásemos este miradoiro, desfaremos camiño ata a estrada principal e continuaremos en dirección Doade. Novamente, discorreremos entre viñedos ata os embarcadoiros de Ponte do Sil e Abeleda, punto onde cruzaremos o río para logo continuar subindo ata o miradoiro de Soutochao. Aquí, no miradoiro de Soutochao, poderemos apreciar ben de preto os viñedos e a pendente na que están construídos. Neste lugar poderedes descubrir o porqué de que a forma de cultivo da D.O.Ribeira Sacra se coñeza como viticultura heroica.
Por último, e xa para rematar a xornada, a última parada deste percorrido será o miradoiro de Santiorxo. Para chegar, deberemos continuar subindo pola LU-903 e á altura do pobo de Doade, desviarnos á esquerda en dirección Sober (o desvío para o miradoiro atópase sinalizado a 8,6 km deste punto).
OBSERVACIÓNS
- Recoméndase comezar este itinerario un pouco antes do habitual no resto de percorridos, aproximadamente entre as 9:15 e as 9:30 horas.
OUTRA INFORMACIÓN DE INTERESE
ONDE COMER · Preme aquí para descubrir os restaurantes máis próximos ao punto no que te atopes nese momento (poderás filtrar por concello).
MÁIS RECURSOS · Se queres completar o percorrido con outros recursos próximos ao punto no que te atopes, utiliza o mapa interactivo, seleccionando na procura o concello no que te sitúes nese momento (opción recomendada soamente para épocas do ano nas que hai abundantes horas de luz).
Pertencente aos concellos de Chantada e O Saviñao, a aldea de Belesar destaca pola beleza da súa paisaxe, entre os bancais de cultivo da vide e reflectíndose nas augas do río Miño.
Situado fronte o meandro que debuxa o río Miño no seu percorrido, coñecido como “O Cabo do Mundo”, ofrece unha espectacular panorámica da zona de ribeira. Dende este lugar, pódese apreciar o sistema de cultivo da vide en bancais, unha das imaxes máis fermosas da xeografía lucense. É posible visitar varias igrexas románicas nas inmediacións.
A localidade dos Peares caracterízase por ser un lugar de unión. Aquí unen as súas augas os ríos Miño e Sil, ademais do Búbal; e aquí tamén únense catro concellos de dúas provincias diferentes.
O embarcadoiro conta con dous peiraos desde un dos cales sae unha das rutas fluviais polo Canón do Sil, operada por Viaxes Hemisferios. Dispón tamén de cafetería con unha ampla terraza, tenda de recordos e pódense realizar actividades acuáticas. Tamén se pode dar un paseo por un pequeno sendeiro á beira do embalse.
Neste lugar situábase antigamente un castro, localizado nun lugar estratéxico para a vixilancia e defensa. Hoxe en día, desde este miradoiro, podemos apreciar o mosteiro de Santo Estevo, nunha localización tamén privilexiada, no alto do Canón do Sil.
Cabezoás é un dos miradoiros máis populares de Ribeira Sacra, o que indica a súa relevancia nun territorio caracterizado pola abundancia e calidade de puntos de observación.
Un dos miradoiros máis espectaculares de Galicia e sen dúbida o máis mediático de Ribeira Sacra.
A máis de 500 metros elévase este miradoiro, situado, como o seu nome indica, sobre as Penas de Matacás. Desde el, teremos unhas impresionantes vistas do Canón do Sil.
Este miradoiro atópase situado entre viñedos cultivados sobre un gran desnivel, a centos de metros sobre as augas do Sil. Na entrada deste miradoiro poderemos contemplar a xigantesca estatua de granito dedicada aos e ás vendimadoras desta zona.
A rede de miradoiros do concello de Sober, entre os que se atopa este, obtivo o selo de Calidade Turística de España (ICTE). Soamente cinco espazos públicos deste tipo, en todo o Estado, obtiveron esta distinción ata o ano 2021.
Dende este miradoiro é posible contemplar o Mosteiro de Santa Cristina na outra beira do val, así como o canón do río Sil ao seu paso polo concello de Sober.
Non o perdas!
Neste percorrido pódese incluir o paseo en catarán a media maña, desde o embarcadoiro de Santo Estevo, ou a última hora do día (só no verán) desde os embarcadoiros de Ponte do Sil, Abeleda ou Os Chancís.