Ruta do Románico
Na Ribeira Sacra está a maior concentración do románico rural en Europa. Descobre lugares envoltos de historia, arte, tradicións e natureza singular.
Comezaremos o noso percorrido en Ourense, e tomaremos a N-540 (Ourense- Lugo), até Chantada, onde admiraremos o seu centro histórico, cos famosos soportais. Seguidamente tomaremos o Corredor Rápido Monforte- Lalín (CRG-2.1), e un pouco despois da ponte nova sobre o río Miño veremos, á dereita, un indicador que sinala a Igrexa de Santo Estevo de Rivas de Miño, magnífico exemplo do románico característico da Ribeira Sacra. A igrexa, que se adapta perfectamente á pendente rochosa, domina o val do Miño, e desde ela pódese ver o encoro de Belesar.
Ademais de admirar o monumento gozaremos dunhas panorámicas extraordinarias sobre a ladeira oeste do Miño, completamente chea de terrazas.
Se volvemos sobre os nosos pasos chegaremos de novo ao cruzamento co CRG-2.1, onde teremos dúas opcións. Poderemos visitar - augas arriba a partir da presa de Belesar- as igrexas de Santa María de Pesqueiras e San Vitorio de Ribas de Miño, así como as famosas igrexas de San Nicolao de Portomarín, que foi desmontada pedra a pedra e volta a construír de novo, debido á construción do encoro de Belesar.
Se dispomos de menos tempo, seguiremos o indicador que nos levará até San Paio de Diomondi, igrexa do século XII que se pode visitar os domingos ás 12 horas, durante o servizo relixioso.
Seguindo por terras do Saviñao, e avanzando cara ao sur polo curso do Miño, chegaremos a un cruzamento, onde debemos virar á dereita, seguindo as indicacións que nos levarán á igrexa de San Martiño dá Cova. Esta xoia do románico está situada no lugar coñecido como “Cabo do Mundo”, é un impresionante meandro que o Miño describe ao sur dos concellos de Chantada e O Saviñao.
Avanzando cara ao sur, e entrando xa no concello de Pantón, chegaremos á zona de maior densidade do románico de toda a Ribeira Sacra. A nosa primeira parada será San Miguel de Eiré, pequena pero esvelta igrexa. Desde Eiré é obrigatorio visitar tres xoias do Románico: Santo Estevo de Atán, San Vicente de Pombeiro e San Fiz de Cangas. Para a primeira deberemos Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño chegar até Os Peares e coller alí unha estrada cara á esquerda, regresando despois de novo a Atán.
Desde Atán tomaremos durante un breve treito a N-120 (Ourense- Monforte), desviándonos un pouco antes de Ferreira de Pantón para visitar San Fiz de Cangas. Desde este punto iremos en dirección a Monforte para chegar ao Castro de Ferreira (Pantón), onde visitaremos o Mosteiro das Bernardas de Ferreira, que xa existía no século X e que se rexía pola orde de San Bieito. Hoxe só se conserva a igrexa do antigo cenobio feminino, nunha construción de gran sinxeleza arquitectónica.
Despois destas visitas, continuando pola N-120 tomaremos un desvío en dirección á estación de ferrocarril de Canaval. Tras admirar a igrexa de San Pedro de Canaval, visitaremos Santa María de Proendos e Santa María de Bolmente, collendo unha estrada local que parte da capital municipal de Sober.
Non desaproveitedes a oportunidade de visitar o Miradoiro da Cividade. Se seguimos por esa mesma estrada atoparemos as igrexas de San Vicente de Pinol e San Xillao de Lobios, para regresar finalmente sobre os nosos pasos á N-120 e volver a Ourense.
Entre o Canón do Miño e a Dorsal Galega co Monte Faro como cume, destaca o seu fermoso casco antigo e os numerosos exemplos de románico da localidade.
As primeiras fontes que se coñecen sobre este antigo mosteiro refírense a un inventario da Mitra de Lugo do século XII, sendo doazón, segundo aquí consta, de Dona Urraca Fernández.
Entre bosques centenarios, remisa a desaparecer da historia, a igrexa de Santa María de Pesqueiras é outra das xoias do románico que atesoura Ribeira Sacra.Á beira do Miño, co encoro de Belesar aos seus pés, orgullosa móstranos as súas influencias Mateanas, que seguro este río transportou.
A igrexa de San Xoán ou de San Nicolao, preside a Praza do Camiño en Portomarín. Estamos en pleno Camiño de Santiago e aquí chega a orde dos Cabaleiros de San Xoán de Xerusalén no século XII para facerse cargo do hospital de peregrinos.
Un epígrafe no interior do tímpano da porta principal sinálanos a data de 1170. As primeiras fontes documentais remítennos ao século VIII, aparecendo o bispo Odoario. Fernando II e Afonso IX tamén beneficiarán con doazóns e privilexios ao mosteiro, sendo confirmadas por papas como Alejandro III e Lucio III. Na actualidade depende do Bispado de Lugo e exerce como igrexa parroquial , tras ser restituída ao bispado nunha ocasión polo rei Fernando III en 1231. Sendo esta, principios do século XIII, a data do seu remate.
Actualmente só se conserva a igrexa románica. Foi Mosteiro de cóengos regulares de San Agustín entre os séculos XIII e XIV. Aparece como priorado dependente da catedral do Lugo, suprimido en 1824 e posteriormente relegada a actual igrexa parroquial despois de poxarse os seus bens coa Desamortización de Mendizábal.
Situado fronte o meandro que debuxa o río Miño no seu percorrido, coñecido como “O Cabo do Mundo”, ofrece unha espectacular panorámica da zona de ribeira. Dende este lugar, pódese apreciar o sistema de cultivo da vide en bancais, unha das imaxes máis fermosas da xeografía lucense. É posible visitar varias igrexas románicas nas inmediacións.
Un dos exemplares máis interesantes do románico de Ribeira Sacra e de Galicia é, sen dúbida, a igrexa de San Miguel, coñecida popularmente como “O Mosteiro”.
Eirexas de Atán, San Fiz, Pombeiro, Eiré:
¡vós sodes un milagre erguido pola fe!.
-E ollades sempre o infinito.
Manuel María
Esta fermosa igrexa atópase situada na marxe dereita do río Sil pouco antes da súa desembocadura no Miño. Atópase rodeada dunha exuberante vexetación nun emprazamento que xa elixiran antigos eremitas, dos que quedan algúns restos como varias tumbas antropomórficas.
Pertenceu a un mosteiro de monxas beneditinas. A vida monástica conservouse en San Fiz ata a reforma de finais do século XV, en que as relixiosas desta orde en Galicia víronse obrigadas a trasladarse ao mosteiro de San Paio de Antealtares en Santiago.
Único mosteiro de Ribeira Sacra que mantén vida relixiosa, tamén coñecido como Mosteiro das Bernardas.
Para algúns historiadores, neste lugar atópase a mítica Proentia dos romanos, xa que se atoparon numerosos restos romanos procedentes do asentamento e reutilizados en distintos lugares.
Esta pequena igrexa é un bo exemplo do románico rural do século XII en Galicia.
Accesibilidade
Non o perdas!
Outros servizos de guías e rutas personalizadas sobre románico aquí.