Ano Europeo do Patrimonio Cultural

Entramos no último mes do ano, ano no que o Parlamento Europeo e a Comisión da Unión Europea decidiron render homenaxe ao Patrimonio Cultural. Por ese motivo, desde o CTRS non queremos finalizalo sen dar a coñecer o máis representativo do noso. Todos os días do mes iremos actualizando esta noticia e o noso perfil en Redes Sociais mostrando a nosa esencia, ese legado que foi dando forma ao que hoxe coñecemos como Ribeira Sacra.


Un toque de cor na Ribeira Sacra

En 2015, comezamos un proxecto de " muralización" do " feísmo" nos 21 concellos que compoñen Ribeira Sacra, recuperando muros, inmobles e elementos arquitectónicos degradados mediante intervencións de arte urbana. Mediante unha das expresións máis contemporáneas da arte, o mural/ grafiti, espazos decadentes próximos aos recursos máis importantes convertéronse en verdadeiras obras de arte ao aire libre das que todos nós podemos gozar a día de hoxe.  

En todos eles poderemos ver representados elementos materiais e inmateriais do noso destino: lendas, oficios, festas, ... da Ribeira Sacra.

[DESCARGA FOLLETO UN TOQUE DE COLOR EN RS]


Barcas tradicionais

Para a colleita da uva, para a pesca, “de paso” para cruzar dunha beira a outra do río, de paseo, de dornas, etc. Numerosos son os tipos de embarcacións tradicionais que ata hai unhas décadas podiamos atopar sucando os nosos ríos. Hoxe en día, estas embarcacións quedaron en desuso, aínda que podemos apreciar moitas destas pezas no Ecomuseo de Arxeriz, que conta cunha  das exposicións de barcas fluviais máis importante da península. 

En época estival, é posible alugar barcas tradicionais para gozar dun paseo polo río Cabe, ao seu paso por Monforte de Lemos. 


Muros de pedra seca

O pasado mes de novembro, a UNESCO declaraba como Patrimonio Inmaterial da Humanidade os muros de pedra seca. Oito países na lista e nove comunidades españolas; de entre elas, Galicia. Son abundantes e significativos os exemplos da pedra seca en todo o territorio galego, especialmente na Ribeira Sacra, onde podemos atopar este tipo de construcións en elementos como  alvarizas, adegas de ribeira, sequeiros, muros para pechar parcelas, etc.


Esgrafiados na Ribeira Sacra

Durante o ano 2017, o CTRS leva a cabo un plan integral de divulgación, concienciación e rehabilitación deste singular patrimonio, tan característico da Ribeira Sacra e descoñecido á súa vez. A investigación e publicación dun estudo sobre os esgrafiados, catro intervencións e obradoiros para sensibilizar á poboación foron as accións realizadas neste plan integral para a posta en valor dos esgrafiados na Ribeira Sacra (información detallada aquí). 

Este completo plan integral ten como prolongación as rutas guiadas que o CTRS organiza dentro dos seus programas de actividades ao longo do ano. 


As  xacias e homes peixe

Conta a lenda que nas terras de  Chouzán, preto do Cabo  do Mundo, habitaban uns seres máxicos de nome  xacias e  xacios; metade corpo humano metade peixe, emparentados sen dúbida coa cultura europea das selkis irlandesas, das sirenas marítimas, e das xanas de auga doce de Asturias. Saían a miúdo das augas do Miño para namorar aos barqueiros e se volvían, non eran ben recibidas polo resto dos xacios.


Oficios ambulantes

Os afiadores e paragüeiros e os barquilleiros son os oficios ambulantes máis representativos e coñecidos da Ribeira Sacra. Ambos saíron cara ás grandes capitais en busca de traballo, converténdose en recoñecidos e  icónicos oficios en toda España. Son moitas as peculiaridades que acompañan a estas figuras, como o propio idioma dos afiadores (coñecido como barallete) e o particular asubío que avisa da súa chegada; ou a gran importancia dos barquilleiros no seu pobo natal (Parada de Sil), dando nome a un dos miradoiros máis afamados da Ribeira Sacra: Balcóns de Madrid.


Cultura do viño en Ribeira Sacra

O viño, sen dúbida, é un dos referentes culturais e  identitarios de Ribeira Sacra; non podemos entender o noso territorio nin o carácter das nosas xentes sen este elemento. Coñece a súa historia aquí.

Entroido na Ribeira Sacra: o Entroido  Ribeirao e o Oso de Salcedo

Os volantes cos seus “ puchos” no  Entroido Ribeirao (Chantada) e o oso no Entroido de Salcedo (A Pobra do Brollón) son os protagonistas destas ancestrais celebracións. Antigamente, esta festividade era celebrada para marcar o fin do inverno e o inicio do ciclo agrícola, augurando fertilidade para as boas colleitas. Hoxe en día, a tradición segue viva e convertéronse nun auténtico espectáculo para todos os visitantes.


Olería na Ribeira Sacra           

Poucas son as olerías tradicionais que aínda conservan actividade en Galicia. Na Ribeira Sacra podemos presumir de ter varios centros artesanais en funcionamento. Aínda que con diferente proceso de elaboración e acabado, trátase de cerámicas moi apreciadas en todo o territorio en canto a calidade e adaptación aos novos usos da sociedade se refiere. Hoxe en día, podemos visitar os seus talleres e espazos museísticos en Reitoral de Gundivós, Figulus e Museo-Taller Olería Niñodaguia.


Fachas ou  fachós

As  fachas ou fachós son elementos formados por material vexetal e elaborados polos propios veciños durante semanas ou meses para ser queimados finalmente nun acto festivo que atrae a numerosos visitantes. En moitas destas celebracións non se pode determinar a súa orixe con certeza, aínda que se cre que son tradicións herdadas dos nosos antepasados os celtas, quen mediante este rito estarían a agradecer as boas colleitas. 

Hoxe en día, consérvanse 3 destas máxicas e singulares celebracións na Ribeira Sacra: a Queima das Fachas de Castelo (7 de setembro, Taboada), o Folión das Fachas de Vilelos (finais de setembro, O Saviñao) e a  Festa dos Fachós (19 de xaneiro, Castro Caldelas).  


Sábado Longo (Xunqueira de Espadanedo)

Trátase dunha orixinal celebración na que na véspera do Domingo de Pascua os mozos solteiros do pobo reúnense pola noite para roubar os carros aos veciños, lévanos ao Sagrado da igrexa para engalanalos e colocalos enfrontados.  Ao día seguinte, a xente que acode á misa debe pasar por baixo.  Unha tradición que aínda pervive entre os habitantes de Xunqueira de Espadanedo.


Caldo de ósos (Taboada)

Xeración tras xeración foise transmitindo a receita do caldo de ósos, un prato único e propio do concello de Taboada. Elaborábase antigamente nos días da matanza do porco e hoxe en día, pódese degustar tamén nos locais de hostalería da zona. Como non podía ser doutra forma, os veciños exaltan este manxar cada ano coa celebración da “Festa do Caldo de Ósos” (info sobre edición 2018).

Podes consultar outros pratos típicos de Ribeira Sacra aquí.


Feira do Viño de Amandi (Sober)

Declarada de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2000, a Feira do Viño de Amandi é unha das máis madrugadoras e afamadas da Ribeira Sacra. Cada ano, os adegueiros preséntannos os seus caldos nesta festividade onde viño, gastronomía, artesanía e música van da man.

Cunha lonxeva tradición, destacan tamén outras feiras como: a  Feira do Viño de Chantada, a Mostra dos Viños de Pantón, a Feira do Viño de Vilachá (A Pobra do Brollón) ou a Feira do Viño de Quiroga (datas aquí).


Igrexa de Santa María de  Torbeo (Ribas de Sil)

Santa María de Torbeo é un dos exemplares do románico máis descoñecidos da Ribeira Sacra. No seu interior alberga unha verdadeira xoia, unha pila bautismal por inmersión do século XII; unha das poucas que se conservan en Galicia.  


Túnel de Montefurado (Quiroga)

Os romanos tamén deixaron o seu legado na Ribeira Sacra e, quizais, un dos seus máximos expoñentes atopámolo no Túnel de Montefurado; un gran buraco escavado na montaña que desviaba o curso do río Sil, facilitándolles así a tarefa da extracción de ouro. Pica aquí para coñecer o seu estado na actualidade. 


Camiño de Santiago, ao seu paso por Portomarín

A vila de Portomarín estivo desde a Idade Media ligada aos peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela polo Camiño Francés.  Destaca esta vila tamén polo seu traslado con motivo da construción do encoro de Belesar nos anos 60. O pobo foi construído de novo ladeira arriba, mentres que monumentos relevantes como pazos ou a igrexa de San Xoan (ou San Nicolás) foron trasladados pedra a pedra ao novo emprazamento. 


Igrexa de San Facundo de Ribas de Miño (Paradela) 

Foi construída no século XII para acoller aos peregrinos que se dirixían a Santiago de Compostela polo Camiño Francés, tras a derriba por orde de Dona Urraca da ponte que cruzaba o Miño en Portomarín. Destaca, ademais, por estar considerada como a primeira manifestación do gótico na Península Ibérica e unha das primeiras de Europa. Descobre máis sobre este templo aquí


Casa museo do Chocolate de  Teimende (Parada de Sil) 

O museo do chocolate de Teimende é o primeiro e único museo dedicado a este produto de Galicia. Nace en 2015 co obxectivo de salvagardar a actividade chocolateira da localidade, todo un referente da comarca. As salas do museo fan un percorrido pola historia do chocolate, recollen información de como chegaba ata Ribeira Sacra, de como se elaboraba e da maquinaria utilizada e finalmente, do dificultoso proceso para a súa distribución.  


Mosteiro das Bernardas (Pantón)

O mosteiro de San Salvador de Ferreira, coñecido comunmente como mosteiro das Bernardas, é o único da Ribeira Sacra que mantén vida relixiosa hoxe en día. Está actualmente habitado por unha comunidade feminina e é posible a visita ao seu interior. Non se pode un marchar sen probar a deliciosa repostería que elas mesmas elaboran.


Igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño (O Saviñao)

Desafiando ao terreo, Santo Estevo de Ribas de Miño elévase sobre unha empinada ladeira cunha visión privilexiada sobre o Miño. Destaca principalmente esta construción por moitos dos seus elementos arquitectónicos, os cales nos remiten ás obras do mestre Mateo (importante artista da última etapa de construción da catedral  románica de Santiago de Compostela e autor do Pórtico da Gloria) (+  info). 


Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín)

Case de visita obrigada, o mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil é un dos conxuntos máis destacados e espectaculares do rico patrimonio monumental de Galicia. Hoxe en día, está convertido en Parador Nacional de Turismo, aínda que a gran maioría das súas dependencias poden ser visitadas de forma libre. Coñece a historia dunha das xoias da Ribeira Sacra aquí.


Mosteiro de Santa María de Montederramo

O significado do nome Ribeira Sacra é aínda discusión entre os historiadores, aínda que sen dúbida, no que si coinciden é na aparición do termo por primeira vez; é o ano 1124, cando Dona Teresa de Portugal outorga ao abade Arnaldo e aos monxes benedictinos un lugar chamado Rivoira Sacrata (ou  Roboira  Sacrata) para fundar un mosteiro, situado en Seoane Vello. Posteriormente, a orde trasladaríase ao actual mosteiro de Santa María de Montederramo


Centro histórico de Monforte de Lemos

O Colexio dos  Escolapios (tamén coñecido como “O Escorial Galego”), o conxunto monumental de San Vicente do Pino, o barrio xudeu, a ponte romana ou importantes museos como o do Ferrocarril de Galicia ou o Centro do Viño da Ribeira Sacra son algunhas das sorpresas que garda Monforte de Lemos no seu casco antigo. Monforte de Lemos é a capital de Ribeira Sacra e a única cidade que atoparemos no destino. Coñece a súa historia aquí.


Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos)

Se alguén coñecía de primeira man a maxia e espiritualidade desta terra foron, sen dúbida, os monxes. Numerosas comunidades asentáronse en busca da ansiada paz e retiro. Todo comezou aquí, en San Pedro de Rocas. Está considerado como a construción cristiá máis antiga de Galicia e unha máis antigas de España (+ info).  


Folión de Carros (Chantada)

Declarada como Festa de Interese Turístico de Galicia, o Folión de Carros de Chantada é unha das festividades máis arraigadas da Ribeira Sacra. As súas orixes remóntanse á Idade Media e aínda que o fin xa non é o mesmo na actualidade, a tradición pervive neste espectacular desfile (+ info). 


Casco histórico de Castro Caldelas (Castro Caldelas)

Mondoñedo e Castro Caldelas son as únicas localidades de Galicia incluídas na selecta listaxe de “Os pobos máis bonitos de España”. De indubidable beleza e importancia histórica, xa que o seu casco antigo conta coa distinción de Conxunto Histórico-artístico desde 1.998.

A vila está presidida polo seu impoñente castelo medieval, o cal alberga no seu interior un museo etnográfico, que pode ser visitado todos os días de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas (novembro-marzo) e ata as 20:00 horas o resto do ano.


Igrexa de San Xoan da Cova (Carballedo)

San Xoan da Cova xunto con Santo Estevo de Chouzán (Carballedo) e San Xoan de Portomarín (Portomarín) foron os tres templos de orixe románico que se trasladaron do seu emprazamento orixinal a unha nova localización con motivo da construción dos encoros dos Peares e Belesar. Podes consultar outros exemplos do patrimonio románico aquí


Pazo dos Marqueses de Bóveda (Bóveda)

O topónimo Bóveda vai asociado á liñaxe asentada neste pazo do século XVIII. Hoxe en día é propiedade privada e non é posible o acceso ao interior (+ info). Con todo, existen moitas outras construcións deste tipo que si son visitables; albergando dependencias municipais, espazos museísticos ou establecementos de aloxamento. Exemplos diso son o Pazo de Arxeriz ou o Pazo de Tor, entre outros (consulta outros pazos aquí).


As  tecedeiras (A Teixeira)

Dentro dos oficios tradicionais de Ribeira Sacra, o traballo téxtil contaba cun gran arraigamento en zonas como A Teixeira ou Chantada. Os produtos eran elaborados principalmente con la e liño. Na Teixeira, o oficio de  tecedeira e a elaboración de pezas de xeito totalmente artesanal foi recuperado por Anna Champeney, sendo os seus produtos moi valorados no mercado estranxeiro. 


Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón)

A finais do 2017, durante unha das campañas de escavación, tivo lugar un feito case insólito na nosa comunidade: os arqueólogos achaban un esqueleto humano con máis de 1.000 anos de antigüidade case completo, quen foi bautizado como Atilano (na honra ao personaxe do afamado programa da TVG Supermartes).

As características do chan en Galicia non permiten unha conservación ósea tan lonxeva, polo que este feito supón un gran avance para este proxecto e o seu estudo achegará datos moi valiosos para a investigación deste período tan pouco coñecido en Galicia. Descobre a historia e avances no proxecto do Castro de San Lourenzo premendo aquí.


Castelo da Peroxa (A Peroxa)

Curioso e irónico o estado do Castelo da Peroxa: tras resistir en pé a todos os ataques que sufriu ao longo dos tempos, hoxe só se conservan as súas ruínas. Descobre que foi o que ocorreu premendo aquí.